Salvador García Bodaño

A Compostela

Compostela é unha rúa longa
na memoria
onde vagan os nomes
e as horas que cada quen recorda… 

Tempo de eternidade nas sombras
case vougas
a caír polos días
e as cousas
maino coma unha choiva. 

No libro da vida van as follas
anónimas
pasando sobre do atril
das lousas
sin que un se de conta. 

E as lembranzas mesmo coma as ondas
xurden soltas
dende o fondo de nós
e todas
fan un mar que se alonxa…

Salvador García-Bodaño Zunzunegui



Galicia

Galicia é isto que vai en nos
e que nos leva
camiño aberto nos sulcos
onde todo é por vir e non chega...

Galicia ferida en sono e sombra,
Galicia enteira
coma un morto baixo un albre
soterrado
onde todo dorme e non esperta.

Galicia do mar e da curtiña,
Galicia miserenta,
chan de ledicia queixumbrosa
onde a fame énchese de paciencia.

Galicia do si, do non e do quén sabe,
duda inmensa
a falar sempre o que lle mandan
sin dicir o que pensa.

Galicia verdadeira, cando?

I eiquí, sin máis
esgázase o meu poema... 

Salvador García-Bodaño




Portal

As cidades, logo, as reconstrúe cada
quen, alá nos espacios do recordo,
segundo as propias vivencias. Son o
resultado do noso estado de ánimo e da
nosa plenitude vital: as tristísimas
cidades dos aflixidos, as luminosas e
sonoras cidades dos felices, as
fotográficas cidades silentes dos xordos,
as incomprensíbeis e agresivas cidades
dos cegos, as cidades cambiantes da
vida... Por iso poden ser fermosas ou
terríbeis, e as dúas cousas á vez. Existen
ao través de nós. E todas, poden chegar
a ser unha mesma e única Cidade
imposíbel, distinta de todas as cidades,
construída por unha suma interminábel
de arquitecturas do sentimento e da
imaxinación, ámbitos de encontro do
real e do irreal, onde poden dárense
lembranzas do xamais vivido e feitos
que nunca sucederon. 

Salvador García Bodaño







No hay comentarios: