Darío Xohán

Cando setenta invernos na túa frente
caven fondos agravios e regañas,
cando leves escrita polas cañas
a traxedia do tempo displicente;

cando o curso dos anos che amolente
a preciosa dureza das entrañas,
cando mesmo calvexen as marañas
que son coroa ó monte máis ardente;

cando a morte se pouse nos teus ombros
e toxo sexa un resoar de escombros
e ruína certísima da rosa,

se eu sigo por aquén, amarei tanto
a túa decadencia, o teu quebranto,
que has de morrer pensándote fermosa.

Darío Xohán



Onde embarquei para navegar contigo

Bendito sexa o ano, o mes o día
que te encontrei no medio do camiño
e andabas escollendo a flor do espiño
sen te mancar na espiña que te fería;
bendita sexa a hora en que eu prendía
no teu claro mirar de trigo e liño
e o instante en que probei o manueliño
mel da palabra túa de amavía:
bendito sexa o intre e o segundo
en que determinei ser teu amigo
e camiñar contigo polo mundo,
bendito sexa o porto e o cidade
onde embarquei pra navegar contigo
nun navío de amor e saudade.

Darío Xohán




Por amor

Por amor nacín da terra.
Por amor son o que son.
Por amor canto o meu canto,
por amor.
Por amor sángranme os pulsos
e abrásame o corazón.
Por amor dóenme os ollos.
Por amor, só por amor.

Darío Xohán




Por que non esmorece nunca o lume?

¿Por que non esmorece nunca o lume
que me acendiche tu na primavera,
por que é xa gasto o vrao e non modera
tanta calor a choiva do costume?

¡Amor, amor, amor que me consume
docísimo e terrible e non me altera,
lapa irascible transparente austera
que non encontra xa de que erguer
fume!

¿Canto han de estar os ollos meus pousados
sobre ti pra cansaren, canto inverno
terá que vir para que arrefríe a lapa?

¿Non son a cinza os guizos condenados?
¿Quizais non todo anoxa ser eterno?
¿Talvez hai algo que á extinción escapa?

Darío Xohán












No hay comentarios: