Carmen Blanco

"Ao principio vivir pareceume algo pleno e necesario que acontecía de seu: camiñar cara a auga e beber na fonte. Pero pronto se me fixo alleo o territorio como a unha loba cercada no seu bosque. Sen me decatar o meu corpo foi perdendo algo daqueles movementos salvaxemente alegres, mais a forza de atracción da foresta envolvente fíxome ignorar o cerco e a loba branca resistiu a neve.
Sempre tiven soños moi intensos e de nova quixen ser vagabunda, asceta laica retirada do mundo, pintora e arquitecta. E a estas inclinacións dediquei de cheo o meu tempo dentro dos odiosos límites da adolescencia burguesa. Fixen andando o camiño a Santa Eulalia de Bóveda, bordeei os acantilados das Catedrais a Rinlo, andei descalza nas tardes polas pedras de Lugo e polos campos da Mariña nos menceres de xullo, bañeime vestida na fonte dos peixes do Parque, fixen planos de edificios de vangarda máxica, imaxinei xardíns e bibliotecas, e ata pensei cidades ideais á medida humana. Pero cando tiña a máis firme determinación de construír unha casa á miña medida e ordenar o espacio meu na terra, descubrín que o meu soño de plenitude era imposible. Entón encerreime nun cuarto pintado de negro. Alí creei un mundo á parte cheo de pedras, follas, ósos, mapas, debuxos e libros onde lía e pintaba, sobrelevando coa beleza o meu escepticismo. Nunha das saídas dese refuxio encontrei a música. Era a harmonía azul da forza de atracción dos corpos na elección necesaria. Era de novo a vida. E os praceres da pel e da carne, dos afectos, da arte e do pensamento compartidos apegáronme a ela irremediablemente. Desde aquela devoro o amor como un alimento e só sei poñer paixón en todo o que fago. Gústame ver e tocar a vida, deixarme levar no seu movemento, descubrila e comprendela.
Amante son da música de lobo e amo os crepúsculos negros, vermellos e violeta sobre as augas no outono da Lanzada, o espertar co sol na ría do Eo, durmir en Escocia xunto ao lago, o vento final da Langosteira, ler no Prado do Muíño xunto ás vacas, o rumor de Portobello escuro, baixar pola ribeira entre as viñas, as formas precisas do teu rostro, o esvarar das mans na materia túa, dicir os meus desexos máis ocultos, o son azul do teu lugo blues, o andar das mariscadoras de Arousa, o inverno ruso, escaparnos a aquel bairro de París, habitar nas túas palabras para sempre, quedarme no meu centro terrestre mentres percorres o mundo e encontrármonos nas alturas de cristal duras, asomarme aos meus abismos máis queridos, esculcar os ocos negros e vivirmos un tempo naquela outra terra.
Ilumíname o lume de loba e necesito, como mollar o corpo del, achar a explicación das cousas, ver cumprido o necesario, degustar o que hai e o que non hai, soñar que os espantos acabarán un día e contemplar as persoas que quero co pracer co que vexo medrar a miña filla. Preciso sentir que o devir indispensable discorre irresistible sen atrancos e detesto todo o que o free e cheire a morte. E porque dunha vez triunfe definitivamente a vida. Por isto escribo. Porque o mundo sexa a nosa casa."

Carmen Blanco García
Estraña estranxeira












No hay comentarios: